Hoxe tiven que ir ao médico a que me mirara unha perna. Parece que a reuma xa está empezando a foderme; os anos pasan amijo, e hai que mirarse de vez en cando. Polo menos ajora temos sejuridad social e un médico de cabeceira que sempre te pode atender. Non é coma antes, cando eu era un rapaz, que daquela médicos haberíaos, o que non había era sejuridad social nin cartos para ir xunta deles, polo que tiñamos que amañarnos cos remedios da casa e se tiñas sorte, con aljún curandeiro ou sanador que estivera cerca.
Os curandeiros, por se non o sabedes, tanto compoñían un hombro, botábanche as cartas, curábanlle a ubre a unha vaca, ou dábanche aljo para o catarro, e incluso quitábanche o mal de ollo, cousa fodida esta, que había moita mala xente que che botaba o ollo mao encima, e fodíante vivo.
A estes curandeiros tiñámoslles moita fe. Sempre te sacaban dun apuro e como tampouco tiñan uns honorarios moi altos, tanto lles valía unha mota, como unha pela de manteca, unha jaliña ou calquera cousiña para pajarlles os servicios prestados. A voluntad, como eles dicían, tampouco eran moi aproveitados. Pois aló que iamos. Recordo un caso que lle pasou a un curandeiro dos mais famosos que houbo na zona onde eu nacín, coñecido por o Curandeiro do Monte.
O Curandeiro do Monte era un home solitario que vivía no medio dunha fraja, sin veciños cerca. Comía o que atopaba pola fraja e no río que por alí pasaba. E mais do que os veciños e xente que necesitaba dos seus servicios, lle levaban. Chejou a ser tan famoso que viña xente de todos lados, incluso dos concellos limítrofes e tamén mais aló da Pena Chantada. E para todos tiña un remedio ou unhas boas palabras. Había días que tiña tanta xente á porta, que lojo, lojo parecía unha romería. Era moi bo sanador, de feito os que estaban desahuciados ían xunta del. Recordo un caso que lle pasou a unha veciña miña coa súa vaquiña, á Tía María do Funjadoiro (mais coñecida pola Tía María do Jas, chamada así porque sempre andaba a dicir, mecajo no jas).
A tía María do Jás era unha señora xa entrada nos sesenta e moitos anos, viúva dende moi nova. O home morréralle dunha enchente de viño cando tiña trinta e poucos anos. Deixouna viúva cun fillo que era de todo menos traballador. Así que a pobre María tivo que saír adiante co fillo e mais coa casa, ela soíña como puido, volvéndose dura e correúda coma calquera home cavador da roza.
Pois esta boa muller tiña tres vaquiñas, que naqueles tempos xa non estaba mal de todo. Vacas jallejas, de cornos larjos, trenchudas e ben plantadas, que tanto ían por un carro de braña, como plantaban nas patacas, ou daban unhas cuncas de leite, para servicio da casa (daquela o leite non se vendía, comíase; e mais que houbera carallo!).
Pois un mal día a mellor vaca que tiña na corte, a Jallarda, empezou a poñerse enferma. Empezou a desjaxar, baixou ao leite e cada vez que a xunjía ao carro, parecía que vía o Demo, bruaba que non había Cristo que a ajuantara. Animal! Non tiña forza nin para poder co xujo. Así que a Tía María empezou a menciñar nela como sabía ou podía. Remilláballe unha pouca fariña e botáballa no fondo do balde cada vez que a encaldaba; daballe frejas con freixo cocido e moitas mais cousas. Pero a vaca cada vez ía a peor. Xa casi nin leite daba, nin comía, botaba o día deitada na corte sin levantarse, parecía que ía morrer dun día para outro. Así que decidiu chamar o veterinario a ver se lle podía facer aljo á pobre da vaca. Así foi que o chamou e cando veu, deulle unhas inxeccións, dicíndolle que xa vería como se poñía mellor despois duns días. Pero mira ti por onde, que a vaca despois de tres días non volvía por si, nin lavirjen. Cada vez ía a peor, os olliños enterrábanselle cada vez mais no testuzo, daba pena vela. Miña xoia!
A pobre muller xa desesperada non sabía que facer. Casi daba a vaca por perdida, unha vaquiña de leite sin cría tan boa, a mellor da corte. Vaia perda! Aconsellouse cun veciño a ver que lle parecía e díxolle que o mellor era chamar outro veterinario, a ver se este lle daba outra menciña. Sempre mellor ter dúas opinións que unha soa. Así o fixo, veu outro veterinario, mais menciñas, pero o resultado era o mesmo ou peor. Xa María daba a vaca por morta, cando o veciño lle falou do Curandeiro do Monte. Xa perdidos, que mais che dá, muller? por probar non vas perder nada.
E así foi como un día polo raiante, antes de saír o sol, púxolle a corda nos cornos á vaca e saíu cara á fraja onde estaba o curandeiro. Levoulle ben tempo chejar. Entre que a vaca, pobre animal, non cordeaba e o pouco ánimo que tiña, xa pasara do mediodía cando chejaron á casa do curandeiro.
Saíu aquel home de dentro da casa e prejuntoulle á Tía María que lle pasaba. Ela, casi chorando, explicoulle que era a mellor vaca da corte e que xa levaban visto dous veterinarios e que non puideran facerlle nada por revivila e que tiña jran perda se lle morría. A ver se el era quen de facer aljo por curala. O Curandeiro empezou a darlle voltas á vaca pasándolle a man polos cadrís, por debaixo da barrija, mirándolle a boca e os dentes, apalpándolle o ubre… Despois dun cacho apaxeando e mirando a vaca, dixolle:
- Mira, eu a vaca sánocha, pero tes que facer todo o que eu che dija, sin prejuntar, nin protestar, facendo todo o pé da letra tal como cho vaia dicindo.
- Ai, si oh! E se ma sanas, aínda cho hei de ajradecer ben.
- Ben pois amarra a vaca naquel castiñeiro, préndea reuta e que non se mova.
- Xa está!- dixo María.
- Ajora vente ti para eiquí e pon as mans derriba dese muro, baixa a cabeza e pecha os ollos.
- Imos aló. Recórdate que tes que facer todo o que eu che dija sin protestar.
Entón o home colleu un caldeiro con auja bendita e un ramallo de loureiro que tiña para estas ocasións, e empezou a botarlla por encima a vaca, e despois á Tia María, ó tempo que canturrexaba unha especie de salmo. Rematado isto, púxose detrás da Tía María, e díxolle:
- Levanta a saia e baixa o refaixo.
Á Tía María extrañoulle un pouco todo aquilo… pero a vaquiña tíñaa moi estimada, era a mellor da corte, así que tiña que facer todo o posible por sanala. Así obedeceu a todo o que o sanador lle dixo. Cando ela estivo lista co cú ao aire, o sanador, poñéndose detrás dela, baixou o pantalón e os calzóns, ajarrou o pau de mexar coa man dereita, acercouse á Tía María e empezoullo a restrejar polas cachas dicindo:
- Darredor, darredor para que a vaca se poña mellor; darredor, darredor para que a vaca se poña mellor…
Así unhas cantas veces mais, ata que, pobre da vella, corenta anos sin palpar home, xa lle empezaban a entrar uns suores fríos e quentes. Dunha das veces, tal estaba coas mans apoiadas no muro e a cabeza baixa, botou as mans para atras e ajarrou ao sanador polas cachas, deu un tirón contra dela e díxolle:
- Polo medio, polo medio, aínda que a vaca non teña remedio.
Din as malas lenjuas que a vaca morrer, morreu, pero a Tía María do Jas botou unha temporada que a vían cantar polos lindeiros e polos camiños, contenta. Non sabían moi ben por que. E din tamén que de cando en vez faltaba casi un día enteiro, para ir ao sanador. Que ben é verdade que cando quedas contento dun médico, has mirar de voltar xunta del cando tes falta de aljunha outra curación.
Xan das Bolas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.