domingo, 27 de febrero de 2011

O mortorio do tío Xosé

Estabamos o outro día Ajapito e máis eu falando de todo un pouco, cando empezamos a recordar cousas que nos pasaron xa hai anos. Os típicos contos de vellos, que lojo duns anos fannos jracia, aínda que daquela a jracia máis ben fora pouca ou ninjunha.
            Empezarei presentando ao meu compadre Ajapito, máis coñecido por Ajapito da Cuspa, porque xa de cativo colleu a manía de estar sempre a cuspir. Mete a lenjua no medio dos labios e bota o cuspe; saliba non sae, máis que nada é o ruidiño que fai. Total, que Ajapito da Cuspa lle quedou para toda a vida.
           
Pois a historia que vou relatar ocurreu xa hai moitos anos, e foi tal cual, aínda que pareza incríble, pero foi así… Abofé que si!
           
Estabamos un día do mes de maio amontoando nas patacas, Ajapito, meu pai, miña nai e máis eu (daquela levábase axudar uns a outros, non coma ajora, que cada quen vai ao seu) cando sentimos vir polo medio dos campeiros á tía Isolina a berro tendido, toda desesperada dicindo (ou iso nos pareceu entender) que habia un difunto na aldea. Ostia! ao oír aquilo xa tiramos cos raños e saímos cara a esa muller que corría que parecía que a ía coller o lume. Cando chejamos xunta dela, despois de tranqulizala un pouco, que tal cual viña non había Cristo que lle entendera nada, díxonos que acababa de morrer o Tío Xosé.
           
Manda carallo! O tío  Xosé morto. Iso era casi impensable. Un home coma el que fora á jerra, estivera na batalla do Ebro metido no río durante cinco días e cinco noites (ou iso foi o que dixo); que cando o licenciaron veuse a pé dende Huesca ata a súa casa, nunca tivo moitos cartos nos petos o probe; que cavou na roza como un animal; que bebeu viño canto quixo e máis… E ajora ese home, duro coma un croio, estaba morto. Manda carallo!

Deixamos de cavar e fomos cara a casa do tío Xosé para botar unha man no que fixera falla porque daquela non había tanatorios e aos mortos había que facerlles o mortorio e velalos na casiña. Así que nos repartimos o traballo entre todos. Uns limpaban a casa e recollíana o mellor posible. Outros desmontaban a cama e os roupeiros para facerlle sitio aos da funeraria cando viñeran coa caixa do difunto e o puxeran de corpo presente alí no medio do sobrado. Outros quitaban as vacas da corte, que normalmente estaba na planta baixa da casa, para así aprobeitar a calor dos animais no inverno cando ía frío, e levábanas a casa daljún veciño para que estiveran tranquilas durante o mortorio e houbera máis sitio para xente por se chovía. Casi nos levaron toda a tarde os preparativos, ata que o probe do vello xa estivo instalado na caixiña con toda aquela parafernalia que se adoitaba poñer nestes casos: velas, crucifixos, coroas… Tamén puxemos bancos e sillas para que a viúva e a familia máis achejada, fillos non tiñan, poideran chorar cando viñera a xente a rezar o rosario.

Xa á xunta da noite a casa empezou a encherse de xente dos arredores, que aínda que pareza que non, os mortorios e enterros sempre foron unha xuntanza social. Como era de esperar todos sejían o protocolo establecido, non escrito, que di que lle hai que ir dar o pésame á familia, para lojo xuntarse cos amijos e falar de todo un pouco. Despois de rezar o rosario tamén era típico facer o café e sacar unhas botelliñas de caña, anís ou o que se terciara, das alacenas, para axudar a pasar a noite en vela sin que te pillara o sono.
             
Serían cerca das once da noite cando fixo a súa entrada no curral o señor cura, Don Ernesto. Viña montado na súa besta branca, con cara de cansadiña a pobre, lojo de ter que carretar a aquel home de Deus e os seus cento e pico kilos (que cura sería pero o do xaxún non sei como o levaría, polas pintas que tiña). Botou o pé á terra, deu as boas noites e entrou na casa. Recibiuno unha sobriña do difunto e entraron na cociña; o primeiro era o primeiro, había que mandarlle unha copiña de mezclado, disque para aclarar a voz e que se escoitaran ben os salmos do rosario. Púxolle unha copa diante, ajarrouna, acercouna aos labios, aquel licor desapareceu casi por arte de maxia, pousouna sobre a mesa sin soltala, e a muller, que aínda tiña a botella na man sin tapar, volveulla a encher. Esta sejunda xa a saboreou aljo máis, ao tempo que prejuntaba como fora a morte, se estaba solo cando morreu, en fin quería saber como foran os derradeiros minutos de Xosé neste mundo dos pecadores.
Lojo de tres copas, aínda volveu a recuncar, e xa medio reposto do camiño, Don Ernesto foi cara ás escaleiras subindo para o sobrado. Todos os que estabamos máis cerca da porta fomos entrando caladiños porque viamos que chejaba o momento de rezar o rosario. Deulle as condolencias á viúva e demais familia, que estaban sentadiñas a carón do difunto chorando, e empezou coa súa faena. Colocouse a estola, sacou un rosario de contas do seu peto, fixo a sinal da cruz, e todos en silencio, apretados uns contra dos outros (o sobrado non era jrande) empezamos a rezar. Cando estaba rezando a Salve, Ajapito, que estaba o meu lado, deume co cóbado nas costelas e baixiño prejuntoume si oíra iso. Eu mireino de reollo sin saber que me estaba a prejuntar.
-         Non oíches como se estalara aljo?
Ao que lle respondín que non oíra nada. Pero, ao carallo, que de alí a outro pouco, cando iamos polos Misterios Dolorosos, eu tamén sentín un estalido. Mirei para Ajapito e xa me decatei pola cara que puxo que aljo non ía ben.
           
Don Ernesto sejía ao seu. Os que estaban máis cerquiña da caixa, cos ollos cravados no difunto mentras rezaban, tamén estaban ensimismados. Ajapito e máis eu acojonados. Dar voltra para atrás e intentar salir de alí era casi imposible coa xente que había, e ademais tampouco era plan, polo que ía dicir a xente, pero non as tiñamos todas con nós.
Cando o cura estaba a dicir… Dios, Padre celestial, ten misericordia de nosotros. Dios, Hijo, redentor del mundo, ten misericordia de nosotros. Dios, Espíritu Santo, ten misericordiaPATAPLUMMMMM! Foi un estalido criminal. Coa mesma abriuse o sobrado e todos xuntos alá fomos para a profundidade dos infernos, indo parar á corte das vacas. Menos mal que as levaran a casa do veciño, se non aquilo puido acabar en desjracia. No preciso momento de romper o sobrado (non sei se vos pasou aljunha vez de que vos rompera o chan baixo os pés?) hai unhas décimas de sejundo que quedas no aire, casi flotando, non te decatas do que realmente está a suceder, a sensacion é rarísima. Pero máis raro foi ver como, cando abreu o sobrado pola metade da sala, a caixa do difunto empezou a caer polos pés, co cual o difunto semellaba que se estaba levantando para poñerse en pé. Don Ernesto, que estaba aos pés da caixa, o veu vir e botou as mans para paralo, pero o tío Xosé botóuselle enriba, caendo os dous enjaramellados na corte. O cura debaixo e o morto derriba, caeron nunhas jabelas de braña que había para estrar a corte. Mamaíña do ceo, como berraba aquel home! Non eran berros eran casi alaridos, non sei se polo que o picaban os toxos ou por ter o corpo do morto deriba do seu. Nunca pensei que aquel home de cento e pico kilos tivera tanta axilidade, para dun empuxón, abatir co difunto contra a parede da corte, quedando o tío Xosé, que xa empezaba a estar aljo teso, sentado contra a parede, e na cara dibuxada unha especie de mueca que parecía que se estaba a rir do cura polo medo que lle acababa de meter no corpo. Todo eran berros, uns por derriba de outros. A tía Isolina foi caer dentro da caixa; miña xoia, como berraba aquela muller metida alí dentro, parecía que a levava o demo. A viúva foi parar derriba de Eduardo da Fonte Nova, cada un cos pés na cabeza do outro. A sobriña do difunto quedou medio metida no baño das vacas, toda escarranchada e coas pernas abertas enseñando as súas verjonzas a todo dios. Enrique do Funjadoiro coa cabeza no medio do esterco e dous homes e unha muller derriba del, casi se afeja, non daba alentado, se non é por Eladio o chosco, que tirou del, morre alí mesmo. Meu probe, viña coa cariña toda nejra e chea de merda, os ollos abertos coma platos e a boca aberta que non daba máis tentando coller aljo de alento. Parecía a viva imaxe do Demo, daba pena velo. Ajapito, que por riba cando se poñía nervioso tatabellaba aljo, solo era capaz de dicir… xo-xo xo-xo xo-xo. Pensei eu, este deu un mal jolpe na cabeza e pensa que vai a cabalo, está desvariando, pero ao carallo, estaba intentando decir, xo-xo… xa o sabía eu cando sentín o primeiro estalo. Sempre foi aljo visionario.
A imaxe daquilo era dantesca, corpos uns derriba doutros, todos mesturados berrrando e por riba aquel difunto sentado contra a parede, parece que rindose de nós. E por riba aínda houbo aljún dos que quedaran fóra no curral que berrou, Ai Xesús…! o difunto. La virjen! o difunto foi o que menos sufriu, carallo. Xa estaba morto, non lle ía doer. Ás veces a xente non as pensa…
           

Xan das Bolas.